Do idioma dos faros e de reloxos de gaivotas

Nalgún momento botamos a andar e, case sen decatarnos, chegamos á praia…

Sentámonos na area e falamos durante horas…

El estaba detrás de min, arrodeándome cos seus brazos. Eu apoiaba a miña cabeza no seu peito.

Faleille de como a música marcaba a miña historia e cada canción me traía unha lembranza.

– Eu terei unha canción para lembrar esta noite! – exclamou coa máis marabillosa naturalidade.

– Cal? – se ía ser a mesma que a miña, escoitalo da súa boca ía resultar moi especial.

– Sempre que escoite Sweet Child Of Mine vou lembrar o corazón máis doce que atopei xamais. – sentín como me apertaba con agarimo.

– Seguro que che venden máis na tenda de caramelos, por un módico prezo – fixen a broma, como quitándolle importancia, mentres notaba como me namoraba máis por momentos. Empezaba a sentir vertixe.

El faloume do idioma dos faros e de reloxos de gaivotas:

– Cada faro ten unha frecuencia diferente, que se indica nos mapas… É como un código de luz, que… – el falaba mentres eu me perdía na súa voz, nese ritmo das cousas que contaba, no agarimo con que facía cada aceno.

Quedamos un rato en silencio. Cómodos e tranquilos. Tae sempre dicía que dúas persoas están moi ben cando hai un grande silencio e ningún dos dous sente a necesidade de rompelo.

Sorrín.

Acariñoume.

As gaivotas empezaban a saír ao mar a medida que se achegaba o día.

Era relaxante mirar como voaban libres.

– Nunca levo reloxo – dixo – cando as gaivotas volven á costa sei que está a piques de caer o sol… É todo o que necesito saber do tempo. Todo o demais é o meu propio presente… Presente de indicativo.

Esta vez fun eu a que apertou as súas mans, que agora estaban entre as miñas. Todo parecía tan perfecto que necesitaba sentir que estaba alí. Que era real. Que o tocaba coas miñas mans.

E así chegou o amencer… sentados, abrazados… non sentín frío en ningún momento. Ou sería que xuntos só podiamos estar ben?

Inspirei profundamente.

El enredaba os seus dedos nos meus cabelos.

Recendía a sal e a brisa acariciábame a pel… pechei os ollos coa miña cabeza aínda recostada sobre o seu peito.

Recendía a sal e el achegou os seus beizos ao meu ouvido mentres murmuraba algo que non entendín pero que me gustou.

Recendía a sal e creouse a música. Xurdiu un tema novo. As gaivotas seguían saíndo ao mar en altos voos mentres soaba aquel himno, como un valse só noso.

Estaba a descubrir outra dimensión da felicidade.

Esta vez o verán tamén empezaba en primavera.

Esta vez o tempo era canción e viña marcado polo noso reloxo de gaivotas.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s