Primavera de 1992

Era un auténtico día de primavera e na radio soaba Friday I’m in Love de The Cure, como na de 1992, a mellor de todas e a introdución a un verán que para min ía ser histórico. Esa canción trouxo de socate ao meu recordo o sabor a Burman-Flax de lima, o son das andoriñas chiando no patio da escola mentres faciamos os derradeiros exames dese curso, coa mente xa posta na praia, as reprimendas dos mestres por levarmos a chaqueta do uniforme atada á cintura, a brisa quente con olor a mar cando ás 9 da noite aínda era día… e esa sensación de rabuñar xa a liberdade do verán: máis de tres meses de felicidade plena, de sol e cuadrilla, de auga e camiñadas, de bicis e cancións, de estrelas fugaces e de Vía Láctea, de rir ata chorar… de desexos cumpridos.

A música sempre fora para min un indicador do tempo: cancións que sinalaban momentos… Esta canción de The Cure marcaba unha pegada para lembrar un importante verán de cambios: o que eu pensaba que sería lembrado como “o verán do meu primeiro bico” pero que realmente acabaría lembrando como “o verán no que descubrín o que é a auténtica felicidade”. Certo é que unha cousa levou á outra. De non ter chegado o primeiro “evento”, quizais non tería apreciado o segundo, que acabou sendo o realmente importante.

Eu vivía en Vigo todo o ano, menos nos tres meses do verán e moitos fins de semana e días festivos de primavera e de outono, que marchabamos á aldea, a Almofrei.

Coñecera a Marco o primeiro de maio na Festa da Picaraña, preto de Ponteareas. Aquela montaña era especial: achegabámonos camiñando desde os pobos da provincia, como se facía desde sempre, para celebrar unha festa nun monte onde as pedras arredondadas compoñían unha fermosa postal de equilibrios imposibles. Por suposto, había que subir ata a máis alta para gozar da vista… e alí, sobre aquela rocha de base arredondada e superficie plana, milagrosamente encaixada, un dos amigos de Marco empezou a falar coa miña curmá Sara. Ao mesmo tempo, Marco e eu empezamos unha conversa en paralelo:

– Si, vimos de Almofrei.

– Nós, de Cotobade… e non saídes mañá?

– Pois aínda non sabemos, a verdade

– Nós estaremos desde as 9 no Galis.

– Se saímos, a ver se nos atopamos –  Marqueime un farol porque non podía deixarlle saber que aínda non saía sen os meus pais. Prudentemente calei, mais non esperaba nin na mellor das situacións, acabar “mañá” no Galis xogando un fútbol de mesa con Marco e os seus colegas.

Os nosos pais e os rapaces xa levaban un rato a facernos sinais para que baixaramos da rocha, así que ía ser mellor facerlles caso canto antes.

Estaba claro: nin se me pasaba pola cabeza que puideran deixarme saír… “Mañá” saía todo o mundo porque era sábado… Pero eu só tiña 13 anos e nin tan sequera saía os sábados pola tarde coas miñas amigas por Vigo, onde había discotecas e outros lugares pensados a propósito para adolescentes…

– Temos que pedir na casa que nos deixen saír mañá! Tomaches boa nota, non si? Ás 9 no Galis! – Sara interrompeu os meus pensamentos… parece que ela tiña máis claro o plan de “mañá” – Acabo de falar con estes – “estes” son o trío de rapaces que tamén pasaban alí esa fin de semana, fillos dos amigos dos nosos pais; varóns e pouco máis vellos ca nós. Eles podían saír sen problema, por algún tipo de machismo incomprensible para nós, e eran como da familia, polo que os nosos pais podían confiar en que eles mirarían por nós, de saírmos con eles– e eles van saír. Temos que dicir na casa que imos con eles… Así que xa podemos facerlles ben a pelota! Se tal, que veñan buscarnos os nosos pais no coche máis cedo da hora que lles poñan aos rapaces… Teñen que deixarnos!

– Sería o mellor do mundo! Marco é xenial!… Dixeron onde van estar! É guapísimo e achegouse a min para preguntarme se iamos saír! – eu seguía abraiada… as bolboretas voaban no meu estómago e non daba pé con bóla… Falaba sen fin nin sentido!

Pena dos Namorados. Picaraña.

Pena dos Namorados no Monte da Picaraña.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s